Catálogo Do final e do comezo 2021

Xa está dispoñible o catálogo da mostra “Do final e do comezo 2021. Unha odisea no pazo”.

Podes descargalo aquí: Catalogo Do final e do comezo 2021

Do final e do comezo é unha mostra que se repite anualmente no Pazo da Cultura, dende o ano 2012, e que acolle unha selección dos traballos de fin de grao presentados na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Tradicionalmente supón un momento de transición entre a culminación da etapa académica e a apertura ao contexto cultural e social que aproxima as persoas acabadas de egresar ao ámbito profesional. Despois de oito exposicións consecutivas, e debido aos motivos que xa coñecemos, en 2020 non se puido realizar. Por iso, desta vez decidiuse darlles entrada nesta edición a dúas promocións de graduados e graduadas. Dúas xeracións ás que a pandemia sorprendeu no seu final de carreira, e que precisamente desenvolveron os seus proxectos artísticos no medio dunha situación complexa, restritiva e incerta.

Esta publicación, que deriva da exposición, recolle e sintetiza o traballo de trinta e oito artistas que se graduaron nos anos 2020 e 2021 –escollidos entre os oitenta que se presentaron á convocatoria–, e pretende ser plural e representativa, no sentido de tratar temáticas moi diversas e asumir materializacións heteroxéneas. Deste xeito, no espazo expositivo do Pazo da Cultura conviviron pintura, escultura, debuxo, fotografía, vídeo, instalación, ilustración e tamén dúas performances, que se sumaron á programación de actividades propostas durante a vixencia da exposición.

(Extracto de texto das comisarias M.Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes e Sonia Tourón)