As creacións do alumnado do campus proxectaranse nos galpóns de Cans

Imaxe de 'MYTRUTH', de Marta Bouzas

Convertido nunha das citas máis senlleiras do audiovisual galego, o Festival de Cans inicia este martes 16 de maio a súa vixésima edición, na que prevé reunir un centenar de cineastas, tanto figuras consolidadas como valores emerxentes. Xunto a outra serie de actividades, a programación deste festival vén marcada pola proxección nos baixos e galpóns desta aldea do Porriño de máis de 40 curtametraxes nas súas diferentes seccións competitivas, seleccionadas das máis de 230 obras presentadas a esta edición. Entre elas figuran, un ano máis, varios traballos nacidos nas aulas das facultades de Comunicación e de Belas Artes, como é o caso do traballo de fin de grao (TFG) en Comunicación Audivisual de Marta Bouzas, MYTRUTH, na sección de non ficción Furacáns. Tamén nacido como traballo final para esta titulación Solpor, de Susana Alba, é unha das obras escollidas para a sección Novas Camadas, que acollerá tamén a estrea de ADN e Es(ser)e, das alumnas de Belas Artes Eva Iglesias e Candela Conde, así como de Crónica dun recordo, dirixida por Zahira Teijelo.

Un vídeo-ensaio que reflexiona sobre a saúde mental

“A selección chegou por sorpresa, non agardaba que un festival da altura de Cans fose estar interesado na obra dunha autora novel sen ningún tipo de experiencia”, recoñece Marta Bouzas tras ser unha das dez cineastas seleccionadas para Furacáns, a sección dedicada a obras de non ficción marcadas polos “riscos narrativos” e o afastamento das “fórmulas convencionais”, como destacan desde este festival. Con diferentes proxeccións na xornada do sábado, Furacáns permitirá amosar por primeira vez en pantalla grande MYTRUTH. Nacida inicialmente como un traballo para unha materia e posteriormente reformulada como TFG, esta curta sobre saúde mental fora previamente recoñecida nos premios de creación audiovisual da UVigo e seleccionada para diferentes festivais de España, India, Venezuela e Italia, pero nunca fora proxectada. “A estrea mundial será en Cans”, salienta Bouzas, que presenta o seu traballo como un “vídeo-ensaio documental que conta a vida dun mozo que padece unha serie de enfermidades mentais”, que vai explicando a través da “narración dos tres poemas que estruturan os tres actos da obra”. Baseada na propia experiencia da autora, trátase dunha obra “marcada por unha grande intencionalidade expresiva”, que ten como obxectivo, sinala, “dar voz a aqueles que xa non a teñen”.

De Celanova a Venecia, da man do alumnado do campus

Este mércores 17, o baixo de Carlos acollerá a proxección das curtas seleccionadas para Novas Camadas, unha sección posta en marcha hai dous anos “co ánimo de impulsar a visibilidade dos traballos das creadoras e creadoras máis novos”, como informaron desde o festival. Dirixido a realizadores de menos de 25 anos, para este apartado foi seleccionada Solpor, unha curta que pon o foco no que supón a soidade a través da historia “dun home que queda sen traballo e que, por non defraudar á súa familia, decide marchar”, como explica a súa directora, Susana Alba. Como un “pequeno gran paso” como profesional define esta titulada en Comunicación Audiovisual unha selección que o equipo da curta recibiu “con moita ilusión”. Non en van, lembra, trátase dun festival ao que acudira como público e como membro do equipo técnico doutros traballos, pero nunca como directora. Farao cunha obra que previamente fora recoñecida co premio á mellor curta de estudantes no Angus Film Festival e que recentemente foi recoñecida tamén nun certame da Universidade de Essex, tras ser galardoada na última edición da Máster Class Audiovisual Galego Augal.

Tamén forma parte desta sección Crónica dun recordo, unha curta que é o resultado da última edición do taller Celanova, plató de ficción, que coordina o profesor da Facultade de Comunicación Paulino Pérez, no marco das actividades do XVIII Curso de Medios Audiovisuais, inserido na programación de extensión universitaria do campus de Ourense e promovido coa colaboración do Concello de Celanova, Agadic e Fundación Carlos Casares. Dirixido a enfrontar ao alumnado da facultade á produción e gravación dunha curtametraxe nunha contorna profesional, nesta curta participou un grupo de 19 estudantes, que presentará por primeira vez os resultados do seu traballo en Cans. “Estamos toda a equipa moi ilusionada”, recoñece Zahira Teijelo, responsable de dirixir unha peza que desde o festival definen como unha “interesante reflexión sobre sexualidade, a identidade e a temática LGTBQ+”. Como “unha curta de ficción de xénero romántico”, na que a historia se desenvolve “nun marco ambiguo entre a realidade e o recordo”, presenta Teijelo un traballo xurdido dun taller que, subliña, “ofrece a creadoras novas unha primeira oportunidade de traballar cun equipo grande e cun orzamento real”.

Nacida tamén como un traballo académico, neste caso como parte dun proxecto colectivo que levou a cabo no marco da súa estadía como estudante erasmus en Venecia, a alumna da Facultade de Belas Artes Candela Conde participará por segundo ano en Novas Camadas con Es(ser)e. “É unha peza que reflexa meses de introspección, de aprendizaxes, de exploración de min mesma”, destaca dun “xogo experimental” nacido precisamente das súas vivencias ao longo de seis meses en Italia. “Todo alí foi novo para min. A lingua, o espazo, a xente, os estudos, os medos…”, recoñece da experiencia que lle permitiu dar forma a unha bora que xoga no seu título coa verba essere, ser en italiano. Natural de Porriño, Conde recoñece que “participar por segundo ano nun festival que, como quen di, organizan os meus veciños, é algo que sinto moi dentro de min”.

Tamén alumna de Belas Artes, Eva Iglesias vivirá en Cans a súa primeira participación como directora nun festival, “aínda que espero que non sexa a última”, sinala. Farao con ADN, unha curta que naceu como exercicio para unha materia, no que tiñan que realizar “un autorretrato a través do audiovisual” e que deu lugar a unha “peza moi primeiriza e moi persoal”, na que puxo especial atención “na montaxe, no ritmo e na cor”. Non obstante, tamén recoñece que “en moitos aspectos xa non me sinto identificada con ese autorretrato que realicei hai un ano”, á vez que pon en valor a motivación que a súa selección supón á hora de continuar traballando en novas curtas. “Colleume por sorpresa”, recoñece dunha escolla que ve como unha “oportunidade para dar a coñecer o teu traballo” para novos cineastas, xa que, engade, “ás veces resulta desalentador facer pezas co fin de comunicar e compartir e non ter un espazo no que facelo”.

Xunto a estas propostas, estudantes e titulados do campus forman parte tamén dos equipos técnicos doutras das pezas seleccionadas, como é o caso de Despois de ti ou Tan só o demo lembra.