A exposición de traballos finais do alumnado de Belas Artes cruza a fronteira

A galería CTJV acolle a exposición 'The year we make contact'
A galería CTJV acolle a exposición 'The year we make contact'

Pode visitarse na Galería de Arte CTJV de Monçao ata o 14 de xaneiro

Ao longo de setembro puido contemplarse no Pazo da Cultura de Pontevedra unha nova edición de Do final e do comezo, a exposición na que a Facultade de Belas Artes reúne cada ano unha selección de obras nacidas como parte dos traballos de fin de grao (TFG) dos novos titulados e tituladas. A situación provocada pola covid-19, que impedira levar a cabo esta mostra en 2020, motivou que, baixo o subtítulo de Unha odisea no Pazo, a exposición reunise nesta ocasión unha escolma de 38 traballos defendidos ao longo dos dous últimos cursos. Desde esta fin de semana, estes 38 TFG reúnense de novo, nunha versión máis reducida, na exposición The year we make contact, que poderá visitarse ata o 14 de xaneiro na Galería de Arte CTJV de Monção. Promovida pola facultade e a Plataforma Arte e Cultura deste municipio portugués, trátase da primeira vez que esta mostra anual se traslada a outro espazo expositivo.

“Pensamos que isto é algo moi positivo, porque ofrece aos e ás artistas a posibilidade de participar nunha nova mostra, que neste caso ten o valor engadido de ser internacional”, salienta a profesora María Covadonga Barreiro, comisaria, xunto coa docente Sonia Tourón, dunha exposición inaugurada na tarde deste sábado, nun acto que contou coa participación do decano, Xosé Manuel Buxán, e do vicepresidente da Cámara Municipal e responsable de Acción Social, Cultura e Turismo, João Oliveira. Do mesmo xeito que a exposición que a precedeu aludía co seu nome ao filme Unha odisea no espazo, de Stanley Kubrick, esta nova mostra aprópiase do título da súa secuela, a película The year we make contact, dirixida por Peter Hyams. Con esa idea, como sinalan as súas coordinadoras, nestes tempos de “nova normalidade”, a exposición ten como “obxectivo principal demandar a presenza indispensable das artes e tentar recuperar e intensificar, fundamentalmente, a súa relación física co espectador”. Trátase, engaden, de “restablecer o contacto” co público e achegar a este unha serie de proxectos nacidos “no medio dunha situación complexa, restritiva e incerta”, marcada pola pandemia.

Manter o seu carácter “plural e representativo”

Como explica Barreiro, o “criterio principal” que seguiron de cara a articular esta exposición foi o de manter os 38 artistas seleccionados para a primeira mostra, no marco dunha convocatoria á que se presentaron preto de 80 traballos. “Pensamos que era importante dar continuidade ao grupo e que todos tiveran a oportunidade de participar nesta exposición”, salienta a docente, que incide en que este condicionante permitía á súa vez manter “a pluralidade disciplinaria e temática da primeira” mostra, obrigando, non obstante, “a reducir o número de obras expostas de cada proxecto” para adaptarse ás dimesións da Galería CTJV.

Deste xeito, na mostra conviven obras pictóricas, escultóricas ou fotográficas, con traballos de ilustración e de deseño, videocreacións, instalacións ou mesmo performances, co propósito de amosar as múltiples disciplinas nas que o alumnado traballa na facultade, así como ás diferentes “temáticas e problemáticas” que centraron os proxectos destas dúas promocións, varios deles levados a cabo durante o confinamento.

Dirixida a dar a coñecer o traballo dos novos titulados e tituladas nese “momento de transición”, que implica “a culminación dunha etapa académica e a apertura ao contexto social e cultural que os aproxima ao ámbito profesional”, a posibilidade de trasladar esta iniciativa a Monção xorde, lembra Barreiro, da colaboración entre a facultade e Ricardo Campos, responsable da Plataforma Arte e Cultura de Monção e encargado da programación da sala CTJV. De feito, nesta colaboración insírese tamén o proxecto Arte em Trânsito, que nestes meses leva a seis estudantes da facultade e a outros seis do Instituto Politécnico de Viana do Castelo a crear unha serie de obras inspiradas no territorio e na tradición vitivinícola deste municipio do norte de Portugal.

Por outra banda, esta exposición terá tamén como continuidade, a comezos do vindeiro ano, a publicación do catálogo que fai balance desta edición de 2021 de Do final e do comezo.