Unha mostra reúne os resultados finais dun proxecto no que o alumnado de Belas Artes foi transformando uns lenzos inspirados en Monçao

Lola Covadonga Rodríguez interveu sobre unha obra iniciada por Abraham Alonso. Imaxe: Municipio de Monçao

Seis estudantes participaron nas diferentes fases do proxecto

Ata finais de setembro poden verse no Museu do Alvarinho, na localidade portuguesa de Monçao, as obras realizadas por estudantes da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e da Escola Superior de Educación do Instituto Politécnico de Viana do Castelo no marco do proxecto Arte em Trânsito, no que se lles convidaba a crear obras inspiradas na paisaxe e na tradición vitivinícola deste municipio. Non obstante, as catro obras que actualmente poden verse na Sala Terroir deste museo amósanse ben distintas das expostas por primeira vez o pasado mes de novembro, pese a tratarse dos mesmos lenzos. Coa idea de “crear un traballo artístico en tres momentos diferentes”, que dese lugar a “tres exposicións diferentes”, como explica o seu coordinador, Ricardo Campos, o proxecto promovido pola Cámara Municipal de Monçao implicou que cada unha das obras fose novamente intervida na seguinte fase do proxecto, ata chegar as obras finais que poden verse nestas semanas.

Despois de que os estudantes de Belas Artes Marina Aradas e Abraham Alonso e as alumnas do Instituto Politécnico de Viana do Castelo María João Gonçalves e Adriana Bacelo creasen as primeiras obras, no marco dunha estadía nunha adega da localidade, aos cadros resultantes sumáronse meses despois as achegas artísticas das alumnas da facultade pontevedresa Sandra Gutiérrez e Lili Algo e das estudantes lusas Rita Braga e Lisandra Carneiro. Finalmente, no mes de maio chegou o momento da intervención final que, como explica Campos, levouse a cabo no exterior do Palácio da Brejoeira, coa participación das estudantes de Belas Artes Lola Covadonga Rodríguez e Raisa Paz e os estudantes do Politécnico de Viana do Castelo Humberto Silva e Eva Vieira.

“Encantoume a experiencia. Enfrontarte a finalizar un cadro que xa empezara outro artista resultoume un gran reto”, salienta Covadonga Rodríguez, responsable de completar unha obra que iniciara meses atrás Alonso e sobre a que logo interveu Braga. “Paraliceime cando vin o lenzo. Dábame moito medo intervir sobre unha obra doutra persoa”, recoñece da súa participación nunha iniciativa na que, á hora de dar forma a peza final, buscou respectar e complementar as imaxes xa feitas. Con esa mesma idea enfrontouse o lenzo Raisa Paz, que tratou de que a súa achega persoal á obra servise para “buscar un punto de encontro entre os dous estilos tan distintos” das estudantes que traballaran previamente sobre ela, Aradas e Carneiro. “A miña intervención no cadro centrouse principalmente en intentar harmonizar e integrar mellor os elementos das dúas intervencións anteriores”, explica esta alumna, que destaca o “complexo” de crear sobre o traballo previo doutro artista. Mais «é con este tipo de situacións, que en certa medida supoñen un reto, coas que máis evolucionas e aprendes”, engade esta alumna, que define a Arte em Trânsito como unha «experiencia moi enriquecedora a todos os niveis».