Publicación Pintura: presente continuo

Pintura: presente continuo

Xa temos con nós o segundo libro de entrevistas da serie «En tránsito», neste caso trátase do libro «Pintura: presente continuo».

Desde hai uns anos, iniciamos desde a Facultade de Belas Artes de Pontevedra un proxecto de entrevistas a ex-alumnado da facultade co obxectivo de coñecer os seus proxectos, procesos, traballos, inquedanzas e incertezas. Desde entón, estamos a xerar un amplo arquivo de entrevistas a artistas, profesionais do deseño, da xestión cultural ou da educación, que nos permite seguirlles a pista a todas as persoas que nalgún momento pasaron polas nosas aulas e se empaparon de conceptos e de aptitudes que talvez continúen atesourando na súa
memoria.

Nesta ocasión, contamos con entrevistas realizadas pola tamén ex-alumna e xestora cultural Sara Donoso, que falou con Marcos Covelo, Manuel Eirís, Isabel Flores, Rut Massó, Arantza Pardo e Mar Vicente, entre 2020 e 2021. A proposta, un percorrido pictórico que abraza a hibridación para imbricarse na mestizaxe entre disciplinas, asomándose ao reto de definir a pintura…, ou talvez de liberala da súa definición. Nesta liña podemos ler o texto da profesora e artista Almudena Fernández Fariña, quen nos aproxima a algúns dos códigos manexados por estes creadores e creadoras para establecer algunhas chaves, preguntas e puntos de vista sobre as múltiples derivas da pintura na arte contemporánea.

Todas as entrevistas están dispoñibles na web e poden consultarse aquí

Podes descargar o libro en Pdf aquí: Pintura: presente continuo