Estudantes de Belas Artes propoñen unha reflexión sobre a memoria ao alumnado do CEIP A Xunqueira I

Nunha visita dun grupo de nenos e nenas á exposición ‘Memorium’

A mostra reúne un conxunto de obras que afondan nesta temática desde diferentes perspectivas

A idea de memoria e como esta pode ser interpretada desde múltiples perspectivas constitúe o punto de partida do proxecto expositivo que as estudantes do Grao en Belas Artes Paula Romero, Estela Regueiro e Ana Rodríguez impulsaron como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional. Un proxecto que tivo como resultado final Memorium, unha exposición na que as obras de sete artistas propoñen “unha reinterpretación da memoria moi diversa, tanto na súa materialización como desde un punto de vista conceptual”, que a semana pasada puido visitarse na que será a futura sede do Espazo Nemonon, na rúa Real. Esta mostra temporal abre de novo as súas portas ao público na tarde deste mércores e, previamente, recibía esta mañá a visita dun grupo de nenos e nenas de segundo de primaria do CEIP A Xunqueira I, que achegaron tamén á mostra as súas propias interpretacións do que significa a memoria.

A mostra que estas tres estudantes impulsaron como traballo académico e que levounas finalmente a impulsar o colectivo Alquitrán, “co que gustaríanos moito continuar”, apuntan, reúne as obras dos estudantes da facultade Elio Salgueiro, Maruxa Alonso, Andrea San Miguel e Carmen González, xunto ás da egresada e doutora en Belas Artes Rebeca Lar e as artistas Silvia Jiménez e Aroa Outón. “Démoslle o nome de Memorium, que son uns complementos alimenticios para potenciar o recordo, coa idea de que fosen como cápsulas para a memoria”, explica Romero dunha mostra que reúne pintura, escultura ou fotografía e á que cada artista achega “a súa interpretación do concepto de memoria”. Así, na mostra puideron verse tanto traballos ligados á memoria histórica, con outros que poñen o foco nas lembranzas no eido familiar ou que reflexionan sobre “a lingua como algo que varía no tempo, cambia e desaparece”, apunta Romero.

A mostra emprazada nunha antiga tenda de arte, aínda pendente de ser acondicionada para o seu futuro uso, recibiu esta mañá a visita de 14 nenos e nenas, acompañados pola profesora do CEIP A Xunqueira I Carmen Quinteiro, aos que as impulsoras deste proxecto presentaron as diferentes obras, ás que posteriormente súmaronse tamén “as pequenas interpretacións” que os nenos e nenas achegaron nesta xornada a mostra tras traballar previamente o concepto de memoria na clase. “Os nenos teñen unha visión do mundo moi persoal e moi real, polo que foi unha actividade moi enriquecedora”, recoñece Romero do diálogo cos escolares. Tras esta actividade, Memorium permanece aberta ao publico esta tarde, por última vez, entre as 18.00 e as 21.00 horas.