Da ecoloxía ao feminismo: unha tese analiza como as artistas crean con obxectos atopados

A obra 'Reflectin Pool', da artista Portia Munson, exhibida en 2013 na PPOW Gallery. Foto: Susan Alzner

A investigación céntrase na acumulación e recolección como metodoloxía de traballo

Na década de 1990, a artista norteamericana Portia Munson dedicouse a coleccionar obxectos rosas para rematar constatando a imposibilidade de atopar algo desta cor que non tivese que ver coas nenas ou coas mulleres. Preto de tres décadas despois, a alemá Liina Klauss puxo o foco nos efectos que a acción do ser humano ten nos ecosistemas a través dunha escultura realizada con preto de 5000 sandalias atopadas nunha praia de Balí. Estes son dous dos exemplos das obras realizadas ao longo dos últimos 30 anos por “artistas recolectoras”, valéndose de materiais cotiás, obxectos atopados ou residuos, nas que Eva Monroy centrou a súa tese de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea. A través da análise dos traballos e traxectorias de preto dun centenar de artistas e das entrevistas que realizou a unha vintena de creadoras de diferentes países, Monroy afonda na súa tese en como esta “metodoloxía artística”, baseada na recolección e acumulación, tense erixido como “unha canle de comunicación moi potente para a reivindicación”, como amosa o feito de que dúas das temáticas máis presentes na súa análise sexan as problemáticas ambientais e as desigualdades por razóns de sexo.

Dirixida pola profesora da Facultade de Belas Artes Silvia García, a tese Recolectoras. El dispositivo de la acumulación en artistas mujeres entre 1989-2019 ten como punto de partida o propio proceso de traballo de Monroy como artista, investigadora ou docente. “O fío condutor do meu proceso creativo, faga o que faga, é a recolección, xa sexa de imaxes, xa sexa de obxectos ou materiais…”, recoñece a xa doutora pola Universidade de Vigo. Partindo desta idea, Monroy e García decantáronse por centrar a investigación nas artistas mulleres, explica, “cando nos demos conta que o tema da recolección, aínda sendo un tema asociado antropoloxicamente á muller, estaba infestado de estrellitas masculinas”. De aí que intentase “exemplificar” toda esta análise coas obras de mulleres, “coa intención de revisar o canon da arte contemporánea” e demostrar que a súa historia “pode ser contada doutra maneira”. Neste punto, Monroy sinala un dato achegado pola comisaria e crítica Semíramis González, que apunta que se ben o 70% dos titulados e tituladas en Belas Artes son mulleres, “nos premios, exposicións e actividades culturais, a presenza de artistas mulleres é do 25%”.

A capacidade reivindicativa da acumulación

“É curioso observar como obxectos acumulados participan dunha presenza física contundente, robusta e extensiva. Non pasan desapercibidos, pero para amosarnos aquilo que está oculto, velado”, sinala Monroy, que incide en as “acumulacións son puras alegorías”, que serven para “facer visible o invisible”, como apunta nesta tese a profesora de Belas Artes Ana Soler como unha das artistas entrevistadas. Partindo destas ideas, Monroy aborda como en torno a esta metodoloxía de traballo “circulan unha serie de temáticas de tendencia na arte actual”, como os vínculos coa antropoloxía e a arqueoloxía, “diferentes formas de artivismo, arquivo e memoria, a poética do percorrido, etc”.

Unha das tendencias máis destacadas radica no potencial deste tipo de obras para “evidenciar determinadas problemáticas” a través da acumulación de obxectos cotiás. “Dentro desta capacidade comunicativa que ten traballar coa cantidade, hai pezas e instalacións que teñen un poder altamente reivindicativo, que poderían enmarcarse dentro do que se denomina o artivismo”, sinala a artista e investigadora. Neste eido, “quizais o gran fío condutor” deste tipo de creacións na actualidade sexa o “gran problema medioambiental dos residuos”, valéndose do feito de que o traballo co lixo como material, “polo seu carácter simbólico ou metafórico”, sempre deu “moito xogo” aos creadores e creadoras, “especialmente na arte moderna e contemporánea”. Son moitas, destaca neste punto a autora desta tese, as artistas “que coleccionan os obxectos descartados pola sociedade”, como sería o caso de Liina Klauss ou de Portia Munson, que a través da acumulación de obxectos de cor azul “lévanos irremediablemente á asociación coa auga e as grandes illas de plástico existentes en todos os océanos”, apunta.

“Outra gran temática, que xorde primordialmente por acoutar a tese a artistas mulleres é a recolección de obxectos que teñen relación co concepto problemático do feminino”, engade Monroy. Neste punto, a investigación detense no traballo de artistas como a propia Munson ou Joana Vasconcelos, que traballa coa “acumulación de obxectos que teñen que ver co doméstico”. Non obstante, a través desta metodoloxía, as artistas tratan tamén outra serie de “problemáticas ben diferentes”, sinala Monroy, que aborda como algunhas creadoras constrúen autorretratos con materiais atopados, mentres que outras emprégannos para “falarnos de memoria histórica, a modo de arquivo ou reliquia”. Ese sería o caso, por exemplo, do traballo realizado por Janet Nolan con luvas recollidas nas ruínas do 11S en Nova York ou das “acumulacións de zapatos ou maletas de Chiharu Shiota”.

Entrevistas a artistas de oito países

“Este traballo propón un percorrido polas obras de artistas mulleres cunha metodoloxía de traballo baseada na recolección e acumulación de obxectos cotiáns, detritos ou obxectos descartados”, conclúe a autora desta tese, que recoñece que o das artistas recolectoras é unha temática só investigada previamente “de maneira parcial”, que á súa vez dá lugar a outras “canles moi interesantes de estudo, como a acumulación de lixo en internet”. Monroy centrou así mesmo a súa investigación nos últimos 30 anos, nos que, sostén, “o capitalismo máis desapiadado parece ser o principal propulsor desta forma de traballo” e complementou o estudo de preto dun centenar de artistas coas entrevistas realizadas a 19 “recolectoras”. Concretamente, formaron parte deste estudo as estadounidenses Portia Munson, Diane Savona, Lauren Peterson, Lynn Aldrich, Adrieane Herman, Olga Lah e Lisa Kokin; as británicas Michelle Reader. Jane Fairhust, Fran Crowe e Jo Atherton; a australiana Freya Jobbins, a xaponesa Sayaka Ganz, a coreana Jean Shin; a alemá Liina Klauss, a mexicana Perla Krauze; a chilena Consuelo Walker e as españolas Julia Llerena e Ana Soler.