Cortar, pegar e debuxar para iniciarse no manexo dunha copiadora Riso

Participantes no obradoiro
Participantes no obradoiro

Inserido no programa de obradoiros da Vicerreitoría do campus

A Facultade de Belas Artes conta desde 2018 cunha multicopiadora Riso SF9350 que permite levar a cabo múltiples tipos de publicacións, que se definen ademais polo singular rexistro que as tintas deixan sobre o papel e polas particularidades dun proceso de impresión ao que nestes días se achegan, a través de procesos manuais, as e os participantes no obradoiro Corta, pega e debuxa: iniciación en procesos manuais de reprodución en riso. O feito de que o proceso de impresión con esta copiadora implique un traballo en varias fases, nas que vanse incorporando as diferentes tintas ao papel, serve neste caso como punto de partida para un taller no que as e os participantes desenvolven as súas creacións de forma manual sobre acetatos que logo van superpoñendo na impresión final.

“O obxectivo é que á vez que están creando, estean entendendo o funcionamento da maquina”, salienta o profesor Marcos Covelo, responsable dun taller inserido no programa de obradoiros de Extensión Universitaria da Vicerreitoría do campus. As máquinas Riso, explica Covelo, son “como un híbrido entre unha fotocopiadora e a serigrafía”, de tal xeito que permiten imprimir directamente desde o escáner, o que fai posible que o alumnado poida achegarse ao proceso de ir superpoñendo as diferentes tintas nas sucesivas fases de impresión desta copiadora.

Aprender a través da experimentación

Coas súas doce prazas cubertas, tanto por estudantes e titulados de Belas Artes como por estudantes doutras facultades e persoas alleas á comunidade universitaria, este obradoiro dá continuidade a outros talleres previos centrados no manexo dunha maquinaria que levou tamén á creación por parte da facultade do seu propio selo de autoedicións,. Mais se os talleres previos puñan o foco no proceso de edición con software informático que require esta copiadora, este obradoiro basease nunha “metodoloxía de traballo manual”, como sinala Covelo. Ao longo desta semana, as e os participantes fan uso do debuxo ou do colaxe para dar forma ás súas propias imaxes, coas que logo poderán ir experimentado diferentes impresións a través dos acetatos. Deste xeito, achéganse ao funcionamento da risografía desde unha “perspectiva moi creativa”, como recoñece Covelo, marcada tamén pola experimentación, que lévaos a facer diferentes probas para coñecer “por exemplo, que é o que pasa cando imprimes sobre un papel que xa ten uns determinados motivos ou texturas”, así como para afondar nun proceso caracterizado polas variacións que se van producindo entre as sucesivas copias ao longo da impresión.

Alén de que, ao longo das súas diferentes sesións, poidan dar forma a súas propias iniciativas, o taller completarase na tarde deste venres coa preparación dunha publicación conxunta de pequena tiraxe, que reúna as creacións dos diferentes participantes. Así mesmo, outro dos propósitos do obradoiro é achegalos aos procesos de impresión “sostibles e respectuosos co medio ambiente”, que definen un proceso de impresión que non xera residuos de tinta, fixadores ou placas e cun baixo consumo enerxético e que levan a cabo ademais con papeis reciclados.

Error es bien

As particularidades dun proceso de traballo que pode dar lugar a certas imperfeccións ou erros na uniformidade das impresións motivaron tamén o nome que á facultade deu ao seu selo de autoedicións, Error es bien, que baixo a dirección do catedrático emérito Juan Fernando de Laiglesia e co profesor Nono Bandera como editor execeutivo deu lugar nos últimos meses a diferentes publicacións. Entre elas, o número cero do seu ANUARIO/OBRA, unha colección anual que reúne tanto reflexións de artistas e académicos como obra gráfica, da que nos próximos meses verá a luz o primeiro número. Esta maquinaria tamén fixo posible, así mesmo, a edición de Desbordamentos, publicación que reúne unha serie de entrevistas e egresados e egresadas da facultade, e do catálogo que fai balance das residencias Interaccións artísticas en Galicia, promovidas polas tres universidades galegas e a Real Academia Galega de Belas Artes. Tamén baixo este selo levouse a cabo o catálogo da exposición Manuel Moldes. Vieiros na memoria, coa que en novembro se inauguraba a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes e que será presentado nas próximas datas.