Universidad de Vigo Galego | Castellano

Facultad de Bellas Artes de Pontevedra, Universidad de Vigo
Información xeral
 
Ofertas de titulacións
 
Estudantes
 
Sistema de garantía de calidade
 
Mediateca
 
 
 
 
Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
R/ Maestranza, 2
36002 Pontevedra

fbbaa@uvigo.es
986 80 18 00
Novas

18/06/2012
PREMIOS NOVOS VALORES DE ARTES PLÁSTICAS

O Presidente desta Deputación Provincial, mediante resolución presidencial número 6899 de data 5 de xuño de 2012, aprobou as seguintes bases:

BASES DOS PREMIOS “NOVOS VALORES” DE ARTES PLÁSTICAS 2012 DA DEPUTACIÓN PROVINCIAL DE PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra ten un firme compromiso coas actividades culturais en xeral, e coas manifestacións artísticas en particular, e así o ven demostrando desde que no ano 1864 no que seconcedeu a primeira bolsa “Pensionados da Deputación de Pontevedra”, pola que pasaron os mellores artistas da nosa provincia e de Galicia. Este firme compromiso coa cultura e coas artes é un trazo característico e identificador da Deputación de Pontevedra e por iso é polo que ven a convocar os “Novos Valores” de Artes Plásticas que se rexerán polas seguintes

B A S E S

PRIMEIRA.—
Poderán participar nestes premios, sen límite de idade, todos os artistas (pintores, escultores, debuxantes, deseñadores, gravadores, fotógrafos, ceramistas, videocreadores, etc.) naturais ou residentes na provincia de Pontevedra, debendo, en último caso, acreditar documentalmente esa circunstancia. Quedarán excluídos os artistas que xa fosen premiados pola Deputación de Pontevedra nalgunha edición anterior deste ou doutro certame.

SEGUNDA.—
As obras presentadas deberán ser orixinais, non admitíndose as que xa fosen expostas noutras mostras, individuais ou colectivas, ou figurasen noutros concursos. Só se aceptará unha obra por artista. O seu peso non será superior a 50 Kg e a súa máxima dimensión non superará os 1,50 m. As obras presentaranse de forma que permitan a súa exposición directa, sen necesidade de manipulacións ou posteriores instalacións complicadas. Os debuxos, cadros e fotografías irán sobre soporte ríxido e sen cristal.

No apartado de audiovisuais, admitiranse obras unicamente en soporte CD ou DVD, non podendo exceder a duración da proxección de cinco minutos. A exhibición dos traballos seleccionados neste ámbito farase mediante unha proxección continua de todas as obras desde un reprodutor de DVD a un monitor. Se algún autor desexase outro tipo de proxección, deberá achegar, tanto para a selección do xurado coma para a exhibición, os aparellos técnicos necesarios para poder efectuala, sempre adaptados ao lugar no que a obra se presente.

TERCEIRA.—
As obras deberán presentarse no Sexto edificio do Museo Provincial de Pontevedra (Padre Amoedo s/n, Pontevedra 36002) ben persoalmente, ben a través dun medio de transporte que garanta a súa entrega. Non obstante, a súa entrada física terá lugar pola rúa Sierra deste mesmo inmoble. O prazo de recollida será desde o día 20 ata o 28 de xuño, ambos inclusive, do ano en curso en horario de 09:00 e as 14:00 horas. Xunto coa obra, os artistas entregarán, nun sobre pechado, unha fotocopia do seu DNI/NIE, unha imaxe dixital en cor da obra con unha resolución suficiente e o boletín de inscrición con todos os campos debidamente cubertos. Este boletín poderá ser recollido tanto no Servizo de Cultura da Deputación Provincial como nas oficinas do Museo Provincial de Pontevedra. No momento da entrega, daráselles aos concursantes un recibo xustificativo cuxa presentación será imprescindible para a posterior retirada da obra.

CUARTA.—
A Deputación de Pontevedra, como entidade organizadora dos premios, custodiará as obras recibidas, pero non se fará responsable de calquera clase de sinistro que se puidese producir durante o transporte, custodia, exposición e devolución das obras. A estes efectos, recoméndase que os autores e/ou remitentes subscriban a correspondente póliza de seguro.

QUINTA.— 
Correrán por conta dos participantes os gastos de envío e devolución das obras, así como a póliza de seguro, de ser o caso. A súa retirada, conforme aos prazos que se sinalan na base oitava, deberá realizarse prioritariamente de maneira persoal previa presentación do xustificante. Se non se fai así será responsabilidade dos interesados xestionar directamente a devolución.

SEXTA.—
As obras presentadas aos presentes premios serán obxecto dunha primeira selección, coa que se conformará a exposición, que estará aberta ao público no Sexto edificio do Museo Provincial de Pontevedra durante un mes a contar desde a inauguración da exposición.

A Deputación de Pontevedra resérvase o dereito de promover ulteriormente a exhibición destas obras noutros lugares da Provincia, comprometéndose, se así fose finalmente, a comunicar esa circunstancia aos artistas seleccionados coa antelación que considere oportuna.

SÉTIMA.—
Todas as obras seleccionadas serán exhibidas na páxina web do Museo Provincial de Pontevedra www.museo.depo.es como complemento da exposición. De ser así, corresponderalles aos seus autores a xestión ou obtención dos permisos necesarios para esa inserción gráfica.

OITAVA.—
As obras non seleccionadas deberan ser retiradas dentro dos cinco días seguintes ao da difusión pública dos acordos do xurado. As obras seleccionadas, no caso de que non se plantexe a itinerancia da mostra, deberán ser recollidas tamén polos seus autores dentro dos dez días seguintes ao último no que estivesen expostas. En caso contrario, entenderase que renuncian á súa propiedade, quedando a Deputación de Pontevedra facultada para tomar as decisións que sobre elas estime oportunas.

NOVENA.—
O xurado seleccionador será nomeado polo presidente da Deputación Provincial e a súa composición será a seguinte:

  • Presidente: O titular da Corporación provincial ou deputado no que delegue.
  • Vogais:
    • A deputada – presidenta da área de cultura.
    • Cinco persoas de recoñecido prestixio.
    • Un representante do Departamento de cultura da Deputación.
  • Secretario: O titular da Deputación ou funcionario no que delegue.

DÉCIMA.—
Este mesmo xurado será o encargado de propoñer, de entre as obras inicialmente seleccionadas, os seguintes premios:

  • 1er premio dotado coa cantidade de . . . . . . . . . . . . . 4.000 €.-
  • 2º premio dotado coa cantidade de . . . . . . . . . . . . . . 3.000 €.-
  • 3er premio dotado coa cantidade de . . . . . . . . . . . . . 2.000 €.-

O importe destes premios será imputado á aplicación orzamentaria 12/330.334.481.01 do vixente orzamento provincial. O xurado resérvase a posibilidade de declarar desertos os premios se así o estimase oportuno.

A entrega dos premios farase efectiva no transcurso dun acto público, no lugar e o día que no seu momento se indicarán.

UNDÉCIMA.—
As obras premiadas poderán pasar a formar parte do patrimonio artístico da Deputación de Pontevedra, previa decisión do órgano competente, polo que esta institución resérvase o dereito de propiedade sobre as mesmas.

DUODÉCIMA.—
A participación nestes premios leva implícita a aceptación plena destas bases. As decisións do xurado seleccionador serán inapelables, quedando facultado para interpretar e resolver as dúbidas que se puidesen presentar no transcurso das súas deliberacións.

DECIMOTERCEIRA.—
Para todo o non establecido nas presentes bases serán de aplicación as bases de execución do orzamento provincial e demais lexislación aplicable. O que lle traslado para o seu coñecemento, cumprimento e demais efectos.


Formulario de inscripción e mais info en http://www.depontevedra.es/?1,27781




volver