Universidad de Vigo Galego | Castellano

Facultad de Bellas Artes de Pontevedra, Universidad de Vigo

Facultade de
BELAS ARTES
 
Ofertas de titulacións
 
Estudantes
 
Mediateca
 
Sistema de garantía de calidade
 
 
 
 
Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
R/ Maestranza, 2
36002 Pontevedra

sdfba@uvigo.es
986 80 18 00
Novas

31/03/2020
Entrevista a David Fidalgo Omil


Podes descargar o Pdf da entrevista aquí

Graduado en Belas Artes en Pontevedra no ano 2012 e cun Mestrado en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual nesta mesma Facultade, David Fidalgo Omil compaxina o seu traballo de artista plástico co de creador audiovisual, tratando de combinar recursos de ambas as disciplinas para enriquecer as súas obras. Expuxo en diversas mostras individuais e colectivas tanto en Galicia coma noutras comunidades e recibiu premios coma o Novos Valores (2012) ou o Primeiro Premio do I Certame de Artes Plásticas ‘‘PLASTIKA17’’ na Sala Apo ́strophe de Vigo, entre moitos outros. No seu traballo audiovisual destacan as curtametraxes Cartas a Superman (2016) e Homomaquia (2019), nomeada nos Premios Goya e gañadora do Premio Mestre Mateo á Mellor Curtametraxe de Animación 2019. 

David Fidalgo Omil sostén un traballo de conexións onde a pintura e a animación audiovisual fúndense nunha linguaxe compartida, que desprega as súas sutilezas a través de materiais mínimos. Acrílico, lapis, carbón e papel compoñen os seus recursos plásticos construíndo desde esta selectiva austeridade un universo rico en matices, que se impregna da cultura popular para revisala desde un ton acedo e crítico. Mediante unha estética naif logra captar a atención do espectador para despois achegar unha mirada menos dulcificada que, partindo do  humor e a ironía, propón profundas reflexións sobre o noso comportamento como sociedade. Desde o prisma dos mass media, recolle cuestións como a homofobia, o machismo ou a tauromaquia, devolvéndonos noso propio reflexo, á súa vez amorfo e divertido, pero sobre todo absurdo e insolidario. 

Carrera de artista, 2019. Acrílico sobre papel. 1,5x2m. 

Tes unha mirada crítica e aceda. Das túas pezas sempre se extrae algunha mensaxe ou reflexión acerca das filias e as fobias da sociedade contemporánea. Pero falo desde o humor e a ironía. Son estas ferramentas máis accesibles ao público xeral?

Creo rotundamente que si. O humor, o absurdo, a ironía... son medios moi comúns para todos, existe como un concepto global que non está escrito pero si metido en todos nós e é que, cando algo ten humor, por algunha razón, a priori vémolo como menos daniño e achegámonos máis facilmente a el. Coa miña estética naif acrecento ese efecto “non prexudicial” para o espectador que realmente non sabe que se vai a atopar cunha realidade moi dura.

Traballas moito con memes. Como dixeches noutras ocasións, os “elevas” de categoría. Xérase así unha tensión entre o mediático e o conceptual.

Traballo coa idea do meme, porque, aínda que soe a tópico, é algo que define moi ben a miña personalidade. Paréceme apaixonante como isto chegou á sociedade para quedar, como se converteu nun medio de comunicación moi creativo entre un colectivo que é anónimo. Os memes demostran o que falabamos antes, pois a xente admíteos grazas ao seu carácter humorístico aínda que transmitan ideas moi duras.

Sobre a cuestión de se se xera certa tensión entre o mediático e o conceptual, pode que si, pero creo que ten máis que ver cos prexuízos que con outra cousa, non vexo nada de malo en que poidan ir da man, non che fai máis ou menos artista que traballes con algo máis xeral para o público ou non, ao final o que importa é o que conte o artista e que sexa sincero no seu discurso,  o como o faga non é máis ca un medio. Nese sentido, non vexo por que ten que haber tensión.

Os títulos son un dos puntos crave das túas pezas. Penso sobre todo nas pinturas, onde a linguaxe é un personaxe máis. 

Os títulos son moi importantes porque forman parte da obra, sen eles quedaría incompleta. Son tan importantes como a propia pintura, de feito, adoitan aparecer integrados nela.

Unicornios, gatos, dinosauros... poboan os teus universos á vez que se mesturan con situacións ridiculamente reais. O chamado “cuñadismo” alcanza aquí o seu máximo esplendor. Poderiamos dicir que o teu traballo atopa o seu valor entre o serio e o inapropiado.

Si, totalmente. O inapropiado creo que é o núcleo, nel pode vivir a seriedade, o humor, etc. É no inapropiado, no incorrecto, onde busco dar forma ao meu traballo. Nesas situacións que me producen vergoña allea, ou que sei que lla pode producir aos espectadores, é onde nace a miña obra.

Percíbese certa deriva entre o pop, o kitsch ou mesmo o camp. 

Cando tratas temas tan xerais, como fago eu, e máis desde o punto desde o que o fago, que é internet e a televisión, apoiados no imaxinario cultural que teño desde pequeno, os referentes na arte están aí. O pop, o kitsch e o camp están presentes e sen ningún tipo de complexo.

No plano estético, as túas obras caracterízanse polo trazado áxil e sinxelo, a depuración formal, cromática e compositiva. Imaxino que é unha elección consciente. Que buscas evocar?

Busco unha estética naif, sinxela en canto a técnica pero que apoia moi ben o relato absurdo das miñas obras e que, como comentaba antes, convide ao espectador a achegarse máis facilmente a elas. As cores pastel e as formas amorfas non resultan agresivas e acentúan así a sorpresa do que realmente se van a atopar.

Que hai detrás da decisión de utilizar como cores principais o rosa e o azul?

É unha decisión sinxela e sen unha gran explicación detrás. Como comecei tratando o tema de xénero decidín esas cores porque son as que durante moito tempo, e isto aínda continúa patente, atribuíase aos nenos e ás nenas. E porque cromaticamente funciónanme moi ben, a verdade.

Nas curtametraxes Cartas a Superman e Homomaquia empregas maioritariamente o debuxo a lapis ou carbón. A cor non ten a forza dos cadros ou doutros traballos audiovisuais pintados, a súa presenza é máis sutil e aparece só en determinadas circunstancias ou personaxes. Segues algún tipo de estratexia en canto ao seu emprego?

A cor nestes traballos é máis unha elección estética que outra cousa, o que si ten unha explicación máis importante é o material que escollo. No caso de Cartas a Superman a historia trata dun neno que escribe unhas cartas, polo que me pareceu que utilizar o lapis como material único era ser honesto co que quería transmitir. Con Homomaquia elixín o carbón porque me permitía realizar trazos áxiles e soltos que lle daban moita forza ao debuxo e apoiaban moi ben o concepto dramático e duro da historia. Despois é verdade que xogo tamén moito co baleiro, con case a ausencia de fondos e de cores, máis aló do propio do papel, buscando xerar unha atmosfera onde os personaxes son os importantes sen ningún tipo de distracción.

Siglo XXI, 2018. Animación/ acrílico. (Fotograma, 4)

Nos teus traballos audiovisuais interconéctanse conversacións banais con preocupacións tan candentes como o terrorismo, o machismo ou a homofobia.  Penso en Les necesitamos (2019), Siglo XXI (2018) ou Sinceramente, yo ya no razono (2017). A maioría dos teus personaxes son estereotipados, vulgares, enfróntanse a situacións cotiás desde o exceso ou a esaxeración. Hai unha clara influencia da televisión. Fálanos do proceso de construción destes diálogos e situacións, como os abordas e de que modo os constrúes e combinas.

O proceso ten un pouco de azaroso, pois ata que vexo que sucede determinado momento na televisión non podo facelo, claro. Traballo coa realidade e esta é a que me proporciona o material principal. Para decidir levar algo da televisión á miña obra tenme que chamar moito a atención, como exemplo máximo do tema que quero tratar, para non ter a sensación de que o estou a tratar a medias. Ás veces reflicto situacións concretas como en Sinceramente, yo ya no razono que é exclusivamente unha peza dun momento dado e que me funcionaba perfectamente soa. Outras veces, como en Siglo XXI, recollo un compendio de momentos que uno de maneira moi orgánica. Non hai un traballo de montaxe excesivo, é máis unha especie de intuición. Procuro facer como na propia televisión: vomitar contido. Os diálogos é o único que se mantén tal cal do material orixinal, sendo o máis importante da obra.

Homomaquia é unha crítica contra a tauromaquia pero tamén contra os códigos sociais que impoñen determinados modos de amar ou de ter encontros sexuais. É interesante como se entrelazan ambas as cuestións. Como nace esta curtametraxe?

A idea da peza naceu cando vivía en Pontevedra e empecei a ver a que se montaba no verán coa praza de touros. Aí decidín que quería tratar o tema taurino e criticalo contundentemente. Cada vez que pensaba nesa idea dábame conta de que moitos comportamentos negativos da sociedade están presentes nestas “festas” e que non era casual, pois a violencia xera violencia. Entón propúxenme realizar unha crítica ao mundo do touro pero ampliándoa á sociedade en xeral para falar de homofobia e machismo, presentando uns personaxes libres de prexuízos como os propios animais.

Homomaquia, 2019. Animación / Carbón sobre papel. 14`27``

Falabas antes dos diálogos. A diferenza doutros traballos, aquí os teus personaxes non teñen a capacidade da linguaxe, son rudos e instintivos, talvez desorganizados. Parecen enfrontarse a un sistema máis estruturado que, con todo, revela a súa crueldade. Unha crueldade que se volve case determinante para manifestar a súa supremacía.

É curioso isto da ausencia da linguaxe, porque non o pensei ata que mo dixo o xornalista Ángel Suanzes e é que tanto en Homomaquia como na serie de obras Rosa y azul a “ausencia” de linguaxe, polo menos falado, está moi presente, aínda que por motivos diferentes.

En Homomaquia os personaxes, aínda que seres humanos, están nun estado primitivo, moito máis animal, onde a razón non lles levou polo camiño dos prexuízos, por iso a linguaxe só existe en forma de berro, son rudos e tenros á vez. O mundo que lles ten cativo é cruel, dalgunha maneira parece ser a arma do ser humano para situarse na sociedade. É unha das conclusións que saquei ao realizar esta curta e así o amoso.

Como dis, en Rosa y azul é diferente. É coma se os personaxes, incapaces de articular os seus propios discursos, precisasen dos subtítulos coma se fora unha tradución simultánea. Pero neste caso a narración oral é a base das pezas. 

Aquí os personaxes comunícanse dunha maneira inintelixible para remarcar o carácter absurdo da obra, os retrato como eu os vexo. O como din o que din para min é importante. Isto é unha das partes humorísticas das pezas pero en realidade amosan a miña opinión sobre estas persoas. Por iso, é importante a narración oral e non soamente os subtítulos.

Poderiamos dicir que tes un perfil híbrido, que combina diversas disciplinas artísticas. Integras o debuxo e a pintura no audiovisual e viceversa. De que modo conectas todas estas linguaxes? É Belas Artes unha boa opción para desenvolver un perfil como o teu? 

Apóianse dun xeito moi sinxelo, todo forma parte dun todo, doulle tanta importancia a unha peza audiovisual como a unha pictórica, sérvenme para contar cousas diferentes de maneiras distintas pero que pertencen a un mesmo mundo, creo que enriquece moito máis a miña obra. Se non pasase por Belas Artes dubido moito que estivese a facer o que estou a facer agora, creo que con iso che respondo.

Recibiches o Premio Mestre Mateo 2019 á Mellor Curtametraxe de Animación con Homomaquia, que tamén estivo nomeado aos Goya. Ademais, a túa anterior curtametraxe, Cartas a Superman, estivo presente en festivais nacionais e internacionais. Desde o teu perfil de artista e cineasta, como atopas a situación profesional en ambos os sectores?

A situación é moi precaria. Está xenial a visibilidade que conseguín pero, aínda así, a precariedade abunda nos dous mundos, na arte contemporánea sabémolo moi ben e no cinema de animación o camiño é o mesmo, é o sector máis infravalorado da industria. Se xa no tema películas está complicado, no ámbito da curtametraxe nin che conto. É bastante desesperante saber que chegaches aos Goya e ter a incerteza de non saber se poderás conseguir financiar o seguinte proxecto, que é do que sobrevivo. A situación económica é un lixo.

Falas dun próximo proxecto. Xa estás a traballar niso?

Pois si, estou no proceso de guión e storyboard do que quero que sexa a miña próxima curtametraxe, será unha comedia existencialista onde mesturo as dúas vertentes de animación que traballo: a ficción narrativa e a que podemos ver nas miñas obras de Rosa y Azul. Esta vez estou a me introducir na animación dixital, aínda que seguirá sendo debuxo a debuxo. Até aí podo dicir, de momento.


Moitas grazas David, que vaia moi ben!



volver