Universidad de Vigo Galego | Castellano

Facultad de Bellas Artes de Pontevedra, Universidad de Vigo

Facultade de
BELAS ARTES
 
Ofertas de titulacións
 
Estudantes
 
Mediateca
 
Sistema de garantía de calidade
 
 
 
 
Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
R/ Maestranza, 2
36002 Pontevedra

sdfba@uvigo.es
986 80 18 00
Novas

12/06/2017
Campus Green. Repensar o patio, reactivar o seu uso.


Revitalizar un espazo para convertelo en lugar de encontros, convivencia e traballo require moitas veces menos medios dos que a priori pode parecer. Trátase de impulsar o interese polas prácticas colaborativas, por deseñar ambientes onde o público se enmarque dentro das necesidades e os ritmos contemporáneos, investigando solucións creativas que permitan explotar os recursos existentes. Así, ao longo destes últimos anos vimos como diversos colectivos de artistas, arquitectos ou deseñadores souberon combinar enxeño e experiencia para dar unha nova vida a diferentes escenarios urbanos. Dalgunha maneira, estas formas de exploración do medio implican establecer fórmulas de actuación e pensamento que distan dos tradicionais modelos de construción e ábrense a novos procesos de pensamento e acción sobre o espazo.

Nesta liña desenvolveuse un proxecto no patio da Facultade de Belas Artes de Pontevedra dentro do contexto do Campus Green. A actividade, financiada pola Vicerreitoría de Extensión Cultural a través da convocatoria de actividades extra académicas, permitiu levar a cabo o “Obradoiro de reciclaxe Campus Green” un taller de deseño e construción de mobiliario realizado en colaboración con varias alumnas e alumnos e coordinado por Román Corbato e Eduardo Outeiro. Esta iniciativa nace como complemento do proxecto de horta urbana, impulsado pola profesora Sol Alonso e apoiado polo decanato, que xa está en funcionamento e permite ao alumnado cultivar os seus propios produtos, ademais de crear conciencia sustentable. Neste sentido, moitos dos maceteiros e estruturas empregadas na construción da horta foron creadas con materiais reciclados ou reutilizados. Accesible a todas as persoas interesadas en participar da iniciativa, tanto de Belas Artes como da Escola de Restauración ou de ESDEMGA, a horta expande agora o seu campo de acción para porse en diálogo co contexto no que está inscrita: o patio. Comprendida a necesidade de reactivar o uso do patio como lugar de reunión, traballo, descanso e interacción, o obxectivo do obradoiro Campus Green foi debater sobre os usos e necesidades do espazo para posteriormente materializar algunhas das propostas.


Dividida en catro xornadas, esta actividade entendeuse como xeradora de ideas,impulsora de metodoloxías de construción autónoma e orixe dunha serie de intervencións que poderán ampliarse en futuros proxectos. Seguindo unha lóxica sustentable e fomentando o traballo desde a autoxestión e a participación, unha das principais premisas foi localizar as problemáticas do patio, tratando de definir cara a onde se quere dirixir e de adaptar as fórmulas de actuación aos recursos dispoñibles. Da fase de posta común ou brainstorming xurdiron as primeiras aproximacións ao que sería o traballo final, pero sobre todo serviu para crear consciencia do espazo, recoñecer as instalacións preexistentes e determinar as necesidades propias dos usuarios. Falouse, entre outras cuestións, de construír mesas fáciles de transportar, de chamar a atención sobre as bancadas e facelas máis confortables mediante a colocación dunha estrutura de madeira desplazable, da posibilidade de contar con placas solares para poder conectar móbiles e computadores, do interese que podería ter unha lousa para incentivar algunha clase ou reunión ao aire libre e da comodidade de traballar con módulos pequenos que puidesen xerar estruturas máis grandes. Durante a seguinte sesión debatéronse in situ as mellores zonas para intervir, decidindo as propostas e os materiais en función da súa viabilidade. Definidos os obxectivos, concluíuse construír: unha mesa árbore (formada por dúas pezas independentes que se poderán unir ao redor das árbores do patio grazas a un semicírculo central); varias banquetas (de forma cúbica que sirvan como asento ou como mesa auxiliar para desempeñar diferentes tarefas); asentos-parásito (estruturas de madeira colocadas sobre a bancada perimetral de formigón para que esta resulte máis cómoda e se active e fomente o uso da mesma) e unha carretilla-tumbona con rodas que permita o seu desprazamento polo patio.

O proceso continuou coa realización de planos e esbozos e a recompilación dos materiais, comprando os útiles necesarios e colectando varios elementos de mobiliario susceptibles de ser reutilizados. Empregáronse sobre todo palés de madeira, parafusos e demais ferramentas de construción. É entón cando comeza o traballo de taller, cando as ideas se trasladan do papel á práctica, do plano ao tridimensional. Manexando a reciclaxe e tratamento da madeira os deseños poderán axustarse ás necesidades concretas. Así, a metodoloxía de traballo iniciouse coa desmontaxe dos palés, empregando patas de cabra e mazos para sacar cravos, desmontando a estrutura e obtendo os listóns. Estes leváronse ao taller de madeira onde, coa colaboración dos mestres de taller, procedeuse a cortar, lixar e regrosar o material para asegurar certas condicións de seguridade e confort. De novo no patio comezou o proceso de montaxe e ensamblaxe segundo os deseños estipulados, que serviron como punto de partida para explicar o sistema estrutural, sobre os que se realizaron pequenas variacións. Ao mesmo tempo que se ía conformando o mobiliario facíanse as comprobacións necesarias de ángulos e alturas, corroborando que se cumprían as funcións de ergonomía básicas. Unha vez construídos os mobles déuselles un acabado de aceite de teca para protexer a madeira e preservar a súa durabilidade xa que, ao tratarse dun patio exterior, estarán expostos a diferentes condicións climatolóxicas. Lembremos, neste sentido, que as tarefas de mantemento son igual de importantes que as de produción. Finalmente concluíronse as seguintes pezas: tres banquetas (dous seguindo o deseño orixinal e un terceiro ao que se lle aplicou unha modificación nas patas, colocándoas noutra posición sen perder resistencia e empregando menos listóns de madeira); tres asentos-parásito para situar sobre as bancadas de formigón e unha mesa. Descartando a primeira idea da mesa-árbore por cuestións de tempo e funcionalidade poderase, con todo, engadir un segundo módulo e facer dous cortes semicirculares para adaptar o mobiliario á formulación previa en caso de consideralo conveniente. Tamén quedaría pendente a proposta da cadeira-tumbona, que se poderá realizar máis adiante utilizando o material que sobrou.


Ao longo das catro sesións foron cada vez máis alumnos os que se sumaron á iniciativa para botar unha man e construír o seu propio mobiliario, que agora poderán gozar achegando ao patio un valor engadido. Pero, máis aló dos resultados, convén pór o foco no proceso de aprendizaxe dos participantes, que comentaban a utilidade de producir mobiliario a baixo custo e se senten agora capacitados para continuar o proceso de maneira autónoma. Tamén é importante resaltar a permeabilidade do proxecto e as súas posibilidades de ampliación futuras, dando paso a unha actividade que pretende fomentar a convivencia e implicación dos usuarios no deseño do espazo sen interferir noutras propostas ou usos do patio. Seguindo exemplos de autoxestión do propio hábitat que están a funcionar nas diferentes esferas do público, apóstase por unha experiencia inclusiva á que pode sumarse toda persoa interesada en conformar un tecido multidisciplinar desde o que reivindicar a utilidade deste tipo de modelos. Sementadas as primeiras sementes, queda saborear os beneficios, agradecer o seu traballo aos implicados e continuar impulsando as prácticas colaborativas de auto-construción.



volver