Universidad de Vigo Galego | Castellano

Facultad de Bellas Artes de Pontevedra, Universidad de Vigo

Facultade de
BELAS ARTES
 
Ofertas de titulacións
 
Estudantes
 
Mediateca
 
Sistema de garantía de calidade
 
 
 
 
Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
R/ Maestranza, 2
36002 Pontevedra

sdfba@uvigo.es
986 80 18 00
Novas

17/05/2017
Entrevista a Irma Álvarez-Laviada

Sustentado na práctica pictórica, o traballo de Irma Álvarez-Laviada establece unha investigación en torno ao proceso onde se pon de manifesto a potencialidade do residuo, reivindicando o seu emprego como elemento activo. O desfeito, embalaxe ou soporte que habitualmente compón a parte oculta da engrenaxe de produción dunha obra artística emerxe neste caso á superficie, situándose como material principal e sinalando o carácter procesual que envolve calquera creación plástica. Na mesma tentativa de chamar a atención sobre o que habitualmente permanece oculto, Irma Álvarez-Laviada explora o concepto de baleiro interesándose pola súa capacitade de suscitar novos significados.

Irma Álvarez-Laviada conta cunha interesante traxectoria artística que a levou a expor de maneira individual en diferentes centros, mobilizando tamén a súa obra en mostras colectivas de carácter nacional e internacional. Doutra banda, o seu traballo foi recoñecido en numerosas ocasións con premios e residencias artísticas, entre as que poderiamos citar a residencia da Real Academia de España en Roma ou a recente Cité Internationale des Arts de París e o premio da Fundación Botín. A súa obra forma parte de coleccións como a do Ministerio de Cultura, a de AECID e a Fundación Antonio Gala en España ou a Berezdivin Collection de Puerto Rico, entre outras. Actualmente expón o seu traballo na Cidade da Cultura de Galicia e na Fundación RAC de Pontevedra.

Vista da exposición Algo que ver, algo que esconder na Fundación RAC. Foto: Jaime Olmedo

O teu traballo parte da pintura para despois superala, para pintar sen pincel. Cando empezas a darlle a volta á técnica?

No ano 2011, con motivo dunha exposición tiven que baleirar o estudo de obra, o que coincidiu cun momento de crise no que me estaba cuestionando os meus propios procesos de traballo. Isto levoume a un período de inactividade durante o cal continuaba acudindo diariamente ao estudo. Froito desa situación a miña atención viuse atraída polos materiais de residuo, xa que era o único que quedaba. Aos poucos empecei a documentar todos estes elementos e a ver que todos eles apelaban, en certo xeito, á ausencia das obras. A partir de aquí comezo unha nova metodoloxía de traballo.

Desaparece o punto de vista frontal, o lenzo deixa de ser soporte... a pintura expándese ou se transforma?

Creo que no meu caso nin se expande nin se transforma, a pintura aparece ás veces dunha forma mais explícita e noutras convértese no eixo que articula o traballo.

Reivindicas o perfil estético do desfeito, daquilo que normalmente se mantén alleo á exposición pero que forma parte do día a día da práctica artística. De que maneira articulas todos estes desfeitos para convertelos en obxecto artístico?

Máis que reivindicar o perfil estético do refugallo o que reivindico é a súa potencialidade como material de traballo. Unha vez seleccionado, o material articúlase en función das súas potencialidades artísticas, explorando os matices que encerra e que a priori non parecía ter. Normalmente dáse por feito que un cartón ou unha cinta de embalaxe non teñen a mesma potencialidade que un lenzo en branco.

Hai unha parte de Ready made en todo isto?

Pode compartir co Ready made a idea da resignificación dos materiais, pero para min é máis importante resaltar o proceso de investigación. O acento recae no proceso e non tanto no obxecto. Neste sentido o traballo que estou a desenvolver exponse máis como unha invitación ao diálogo cos materiais.

No teu discurso está presente a idea de ocultamento e baleiro. Desde que perspectivas abordas estes conceptos?

Para min o máis relevante é o feito de que o baleiro non só implica connotacións de negación, senón tamén unha riqueza discursiva enorme e paréceme un terreo para explorar. As diferentes formas nas que a arte contemporánea se veu achegando ao concepto de baleiro foron a través do ocultamento, o velado, a ausencia, a desaparición da materia, a pegada... Lonxe de quedarnos no limiar, a cuestión é profundar en que ocorre cando non hai nada. O que máis me interesa do baleiro é a súa capacidade xenerativa.


La línea Hedjuk, 2017.  70 metros de led. Foto: Miguel Ángel Delgado

Actualmente podemos observar as torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia transformadas co proxecto La línea Hejduk, no que propós, seguindo a túa liña de traballo en torno ao baleiro, evidenciar o contorno dunha terceira torre iluminando o perímetro do oco entre as dúas. Como foi o proceso de investigación e materialización do proxecto?

Durante o proceso de documentación sobre Hedjuk lin nun dos seus textos unha frase que marcou toda a proposta: “A verdadeira arquitectura é, precisamente, a que non se constrúe. Cando fun a visitar as Torres apareceu ese espazo intermedio entre ambas que debuxaba unha “terceira torre” investida. Desde o primeiro momento o oco converteuse no foco de atención. Dado o meu traballo sobre o baleiro, parecíame un lugar idóneo para intervir. Aproveitando a situación xeográfica das torres considerei oportuno expor unha obra que puidese ser vista desde a cidade e que deixase en evidencia, mediante a instalación led, o espazo entre elas.

É unha peza visible desde moitos puntos da cidade, que altera o perfil habitual das torres e que, dalgunha maneira, modifícaas como símbolo. Resultou fácil lidar coa administración para conseguir iluminar a peza diariamente?

Cando tes que facer unha instalación en espazos pouco habituais sempre xorden cuestións que hai que abordar dunha maneira diferente. Precisamente neste caso as torres xa contaban cunha programación lumínica e por tanto tivemos que atopar a forma de facer convivir ambas as propostas. Nese sentido saír da famosa caixa branca sempre leva ter que conciliar distintos aspectos. Traballar nesas circunstancias adoita ser algo máis complexo xa que un mesmo tamén perde certas referencias e isto sempre é un reto. Facer proxectos en espazos que se sistematizaron implica, dalgunha forma, atopar as canles para levalos a cabo. Neste caso a proposta trata de integrar todas estas cuestións e poñelas en xogo.

Este proxecto coincide en datas coa mostra Algo que ver, algo que esconder, que pode visitarse na Fundación RAC de Pontevedra ata o próximo 20 de maio. Tras expor en diferentes espazos a nivel nacional e internacional, é a primeira vez que mostras os teus proxectos individualmente en Galicia. Que supón isto para ti e como valoras a escena artística do noso contexto?

Sempre é importante presentar o teu traballo de maneira individual pero no meu caso facelo en Galicia, que é onde me formei e o lugar onde fixen as miñas primeiras exposicións colectivas, resulta especial. Doutra banda, creo precisamente que a facultade de Belas Artes de Pontevedra achegou un trazo menos academicista que outras facultades españolas e isto é un aspecto diferenciador. Non é nada novo que Galicia conta cun panorama moi rico en canto a artistas, moitos transcenderon tanto a nivel nacional como internacional. Creo tamén que é un contexto interesante non só no que concirne ás artes plásticas, tamén o cinema ou a literatura están a ter un forte impulso.

A propósito do que comentas sobre a Facultade de Belas Artes de Pontevedra, como influíu no teu traballo artístico este carácter máis conceptual ou, como dis, menos academicista?

No meu caso foi moi positivo. Desde cursos moi temperáns ensinábannos a enfrontarnos ao desenvolvemento das ideas co obxectivo de aprender unha metodoloxía de traballo, dotándonos dunha serie de ferramentas decisivas para aquel que quere abordar un proxecto artístico. Máis que darnos respostas, o profesorado incidía moito en que cada un de nós soubésemos formularnos as preguntas adecuadas. A idea do cuestionamento e a dúbida sobre o que un fai é algo que está moi presente nos anos de especialidade e creo que, sen dúbida, esta é unha preparación de luxo, unha especie de adestramento para o que vaise atopar unha vez que abandona a carreira e empeza a dar pasos por si mesmo.

Cuestionas a condición e o significado outorgado comunmente non só á pintura, senón ao propio proceso creativo. Todo isto desprégase na exposición, onde se distorsionan as fronteiras entre pintura e escultura, entre peza artística e material de traballo Como expós a mostra para conseguir activar a mirada crítica do espectador?

A miña forma de expor o traballo ten que ver cunha certa fidelidade aos materiais, na medida na que trato de non utilizalos para despregar unha narrativa. Máis ben tento conservar o valor intrínseco que posúen, articulándoos cunha serie de conceptos que me interesan en relación á práctica artística, pero recoñecendo o límite que isto leva. Por iso esta exposición traballa dunha maneira aberta co espectador.

Moitas grazas polo teu tempo Irma. Seguirás evidenciando aquilo que se oculta en futuros proxectos?

Si, nestes momentos estou a desenvolver o proxecto Reversibilidad y utopía grazas á bolsa da Fundación Botín, no que precisamente estou a levar estas inquedanzas ao terreo da conservación e restauración das obras de arte. Interésanme especialmente estas disciplinas xa que se prestan a moitos dos conceptos cos que traballo. Moitas grazas a vós.




volver