Universidad de Vigo Galego | Castellano

Facultad de Bellas Artes de Pontevedra, Universidad de Vigo

Facultade de
BELAS ARTES
 
Ofertas de titulacións
 
Estudantes
 
Mediateca
 
Sistema de garantía de calidade
 
 
 
 
Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
R/ Maestranza, 2
36002 Pontevedra

sdfba@uvigo.es
986 80 18 00
Novas


17/05/2017
Entrevista a Irma Álvarez-Laviada

Sustentado na práctica pictórica, o traballo de Irma Álvarez-Laviada establece unha investigación en torno ao proceso onde se pon de manifesto a potencialidade do residuo, reivindicando o seu emprego como elemento activo. O desfeito, embalaxe ou soporte que habitualmente compón a parte oculta da engrenaxe de produción dunha obra artística emerxe neste caso á superficie, situándose como material principal e sinalando o carácter procesual que envolve calquera creación plástica. Na mesma tentativa de chamar a atención sobre o que habitualmente permanece oculto, Irma Álvarez-Laviada explora o concepto de baleiro interesándose pola súa capacitade de suscitar novos significados.

Irma Álvarez-Laviada conta cunha interesante traxectoria artística que a levou a expor de maneira individual en diferentes centros, mobilizando tamén a súa obra en mostras colectivas de carácter nacional e internacional. Doutra banda, o seu traballo foi recoñecido en numerosas ocasións con premios e residencias artísticas, entre as que poderiamos citar a residencia da Real Academia de España en Roma ou a recente Cité Internationale des Arts de París e o premio da Fundación Botín. A súa obra forma parte de coleccións como a do Ministerio de Cultura, a de AECID e a Fundación Antonio Gala en España ou a Berezdivin Collection de Puerto Rico, entre outras. Actualmente expón o seu traballo na Cidade da Cultura de Galicia e na Fundación RAC de Pontevedra.

Vista da exposición Algo que ver, algo que esconder na Fundación RAC. Foto: Jaime Olmedo

O teu traballo parte da pintura para despois superala, para pintar sen pincel. Cando empezas a darlle a volta á técnica?

No ano 2011, con motivo dunha exposición tiven que baleirar o estudo de obra, o que coincidiu cun momento de crise no que me estaba cuestionando os meus propios procesos de traballo. Isto levoume a un período de inactividade durante o cal continuaba acudindo diariamente ao estudo. Froito desa situación a miña atención viuse atraída polos materiais de residuo, xa que era o único que quedaba. Aos poucos empecei a documentar todos estes elementos e a ver que todos eles apelaban, en certo xeito, á ausencia das obras. A partir de aquí comezo unha nova metodoloxía de traballo.

Desaparece o punto de vista frontal, o lenzo deixa de ser soporte... a pintura expándese ou se transforma?

Creo que no meu caso nin se expande nin se transforma, a pintura aparece ás veces dunha forma mais explícita e noutras convértese no eixo que articula o traballo.

Reivindicas o perfil estético do desfeito, daquilo que normalmente se mantén alleo á exposición pero que forma parte do día a día da práctica artística. De que maneira articulas todos estes desfeitos para convertelos en obxecto artístico?

Máis que reivindicar o perfil estético do refugallo o que reivindico é a súa potencialidade como material de traballo. Unha vez seleccionado, o material articúlase en función das súas potencialidades artísticas, explorando os matices que encerra e que a priori non parecía ter. Normalmente dáse por feito que un cartón ou unha cinta de embalaxe non teñen a mesma potencialidade que un lenzo en branco.

Hai unha parte de Ready made en todo isto?

Pode compartir co Ready made a idea da resignificación dos materiais, pero para min é máis importante resaltar o proceso de investigación. O acento recae no proceso e non tanto no obxecto. Neste sentido o traballo que estou a desenvolver exponse máis como unha invitación ao diálogo cos materiais.

No teu discurso está presente a idea de ocultamento e baleiro. Desde que perspectivas abordas estes conceptos?

Para min o máis relevante é o feito de que o baleiro non só implica connotacións de negación, senón tamén unha riqueza discursiva enorme e paréceme un terreo para explorar. As diferentes formas nas que a arte contemporánea se veu achegando ao concepto de baleiro foron a través do ocultamento, o velado, a ausencia, a desaparición da materia, a pegada... Lonxe de quedarnos no limiar, a cuestión é profundar en que ocorre cando non hai nada. O que máis me interesa do baleiro é a súa capacidade xenerativa.


La línea Hedjuk, 2017.  70 metros de led. Foto: Miguel Ángel Delgado

Actualmente podemos observar as torres Hejduk da Cidade da Cultura de Galicia transformadas co proxecto La línea Hejduk, no que propós, seguindo a túa liña de traballo en torno ao baleiro, evidenciar o contorno dunha terceira torre iluminando o perímetro do oco entre as dúas. Como foi o proceso de investigación e materialización do proxecto?

Durante o proceso de documentación sobre Hedjuk lin nun dos seus textos unha frase que marcou toda a proposta: “A verdadeira arquitectura é, precisamente, a que non se constrúe. Cando fun a visitar as Torres apareceu ese espazo intermedio entre ambas que debuxaba unha “terceira torre” investida. Desde o primeiro momento o oco converteuse no foco de atención. Dado o meu traballo sobre o baleiro, parecíame un lugar idóneo para intervir. Aproveitando a situación xeográfica das torres considerei oportuno expor unha obra que puidese ser vista desde a cidade e que deixase en evidencia, mediante a instalación led, o espazo entre elas.

É unha peza visible desde moitos puntos da cidade, que altera o perfil habitual das torres e que, dalgunha maneira, modifícaas como símbolo. Resultou fácil lidar coa administración para conseguir iluminar a peza diariamente?

Cando tes que facer unha instalación en espazos pouco habituais sempre xorden cuestións que hai que abordar dunha maneira diferente. Precisamente neste caso as torres xa contaban cunha programación lumínica e por tanto tivemos que atopar a forma de facer convivir ambas as propostas. Nese sentido saír da famosa caixa branca sempre leva ter que conciliar distintos aspectos. Traballar nesas circunstancias adoita ser algo máis complexo xa que un mesmo tamén perde certas referencias e isto sempre é un reto. Facer proxectos en espazos que se sistematizaron implica, dalgunha forma, atopar as canles para levalos a cabo. Neste caso a proposta trata de integrar todas estas cuestións e poñelas en xogo.

Este proxecto coincide en datas coa mostra Algo que ver, algo que esconder, que pode visitarse na Fundación RAC de Pontevedra ata o próximo 20 de maio. Tras expor en diferentes espazos a nivel nacional e internacional, é a primeira vez que mostras os teus proxectos individualmente en Galicia. Que supón isto para ti e como valoras a escena artística do noso contexto?

Sempre é importante presentar o teu traballo de maneira individual pero no meu caso facelo en Galicia, que é onde me formei e o lugar onde fixen as miñas primeiras exposicións colectivas, resulta especial. Doutra banda, creo precisamente que a facultade de Belas Artes de Pontevedra achegou un trazo menos academicista que outras facultades españolas e isto é un aspecto diferenciador. Non é nada novo que Galicia conta cun panorama moi rico en canto a artistas, moitos transcenderon tanto a nivel nacional como internacional. Creo tamén que é un contexto interesante non só no que concirne ás artes plásticas, tamén o cinema ou a literatura están a ter un forte impulso.

A propósito do que comentas sobre a Facultade de Belas Artes de Pontevedra, como influíu no teu traballo artístico este carácter máis conceptual ou, como dis, menos academicista?

No meu caso foi moi positivo. Desde cursos moi temperáns ensinábannos a enfrontarnos ao desenvolvemento das ideas co obxectivo de aprender unha metodoloxía de traballo, dotándonos dunha serie de ferramentas decisivas para aquel que quere abordar un proxecto artístico. Máis que darnos respostas, o profesorado incidía moito en que cada un de nós soubésemos formularnos as preguntas adecuadas. A idea do cuestionamento e a dúbida sobre o que un fai é algo que está moi presente nos anos de especialidade e creo que, sen dúbida, esta é unha preparación de luxo, unha especie de adestramento para o que vaise atopar unha vez que abandona a carreira e empeza a dar pasos por si mesmo.

Cuestionas a condición e o significado outorgado comunmente non só á pintura, senón ao propio proceso creativo. Todo isto desprégase na exposición, onde se distorsionan as fronteiras entre pintura e escultura, entre peza artística e material de traballo Como expós a mostra para conseguir activar a mirada crítica do espectador?

A miña forma de expor o traballo ten que ver cunha certa fidelidade aos materiais, na medida na que trato de non utilizalos para despregar unha narrativa. Máis ben tento conservar o valor intrínseco que posúen, articulándoos cunha serie de conceptos que me interesan en relación á práctica artística, pero recoñecendo o límite que isto leva. Por iso esta exposición traballa dunha maneira aberta co espectador.

Moitas grazas polo teu tempo Irma. Seguirás evidenciando aquilo que se oculta en futuros proxectos?

Si, nestes momentos estou a desenvolver o proxecto Reversibilidad y utopía grazas á bolsa da Fundación Botín, no que precisamente estou a levar estas inquedanzas ao terreo da conservación e restauración das obras de arte. Interésanme especialmente estas disciplinas xa que se prestan a moitos dos conceptos cos que traballo. Moitas grazas a vós.



08/05/2017
PROXECTO ALIEN

O martes 9 de maio a Facultade de Belas Artes e a Casa das Campás acollen o PROXECTO ALIEN, que recolle a labor formativa dos solistas de verTIXE SONORA cos novos intérpretes de Galicia, visibilizando o traballo en favor da inclusión da música contemporánea no ámbito educativo e a identificación da excelencia no territorio. Nesta ocasión, Pablo Coello, saxofonista e director musical de Vertixe Sonora, presenta dous programas elaborados nas aulas de Saxofón e de Música Contemporánea do Conservatorio Superior de Música de A Coruña.



Programación:

  • 12:00 h FACULTADE DE BELAS ARTES DE PONTEVEDRA

ELECTRIC- Xperience
James Tenney (USA, 1934-2006) SAXONY (1978)
saxofóns e cinta/sistema`delay’
Kaija Saariaho (Finlandia, 1952) LACONISME DE L’AILE (1982)
frauta e electrónica
Per Bloland (USA, 1969) QUINTET (2005)
saxofón alto e electrónica en vivo
ENSEMBLE IXOR (CSM de A Coruña)
Luis Herades saxofóns / Carlota Salgado frauta

  • 20:00 h. CASA DAS CAMPÁS

SAX-Xperience
Christian Lauba (Francia, 1952) ARS (1994)
dous saxofóns sopranos
Christophe Havel (Francia, 1956) OXYTON (1991)
saxofón barítono
José Manuel López (España, 1956) CON CADENCIA DE
ETERNIDAD (1988, rev. 2000)
saxofón barítono e electrónica
Gérard Grisey (Francia, 1946-1998) ANUBIS - NOUT
(1983/1990)
saxofón baixo
Sofía Gubaidulina (Rusia, 1931) DUO SONATA (1977)
dous saxofón barítonos
Germán Alonso (España, 1984) EL GRAN CABRÓN (2012)
saxofón barítono e electrónica en vivo
ENSEMBLE IXOR (CSM de A Coruña)
Moisés Barreiro saxofóns soprano, barítono e baixo
Xurxo Fernández saxofón barítono
Lucas Guzmán saxofóns soprano e barítono


04/05/2017
Conferencia de Beatriz Alonso

Beatriz Alonso, comisaria e investigadora, impartirá a conferencia Nos soños comezan as responsabilidades.
Luns 8 de maio ás 18.30 horas. Espazo 14.
Organiza: Almudena Fernández Fariña. Departamento de Pintura.





28/04/2017
Convocatoria Erasmus + Prácticas para o curso 2017-2018

Ofértanse  un mínimo de 65 prazas para realizar unha de estadía dun mínimo de 2 meses de duración. O primeiro prazo de solicitudes está aberto na actualidade ate o día 30 de xuño de 2017  para o alumnado que cumpra os requisitos contidos na convocatoria que (moi resumidos) son os seguintes:

- Modalidade A) Alumnos: Estar matriculado na Universidade en
estudos de Licenciatura, Diplomatura, Enxeñaría, Grao, Master ou Doutoramento. Ter superado polo menos o 50% dos créditos de que consta a titulación (excepto para o caso de Master e Doutoramento).

- Modalidade B) Titulados Recentes: Alumnos que rematan  a súa
titulación oficial universitaria no curso 16-17. Poderán realizar as prácticas como titulados recentes nos 12 meses inmediatamente posteriores á finalización dos seus estudos universitarios. IMPORTANTE: Os titulados recentes só poden presentar a súa solicitude ate o 31 de xuño de 2017.

-Ter un nivel mínimo do idioma no que se vaian a desenvolver
as prácticas de B1 (Os alumnos que realizaron un período de mobilidade previa, poden estar exentos, dependendo do pais/idioma no que se desenvolvese a estadía previa. Existen máis exencións para a acreditación do idioma contidas na convocatoria). É necesario acreditar o coñecemento do idioma antes do inicio da mobilidade.

-Contar coa carta de aceptación asinada pola empresa e por un titor de prácticas da Universidade, que pode ser un profesor do centro da elección do alumno ou, no caso de prácticas curriculares, o propio profesor responsable desa materia.

Unha vez pechado o primeiro prazo de presentación de solicitudes abrirase un segundo prazo que pechará o 31 de outubro e, de existir vacantes, abriranse os seguintes prazos previstos na convocatoria. As prácticas para o primeiro prazo de solicitudes poderán ter lugar entre o 1/09/2017 e o 31/08/2018.

A contía da bolsa Erasmus prácticas oscila entre 300€ e 400€ dependendo do país de destino e é compatible coas axudas que voluntariamente outorgue a empresa.

Podedes atopar máis información en :
http://www.uvigo.es/uvigo_gl/administracion/ori/uvigo/erasmus_practicas.html


26/04/2017
Calendario de preinscripción e matrícula no programa de doutoramento 17/18
Calendario de preinscripción e matrícula para o Doutoramento en Arte Contemporánea para o curso 2017/2018



25/04/2017
CHARLAS INFORMATIVAS. SELECCIONADOS/AS EN PROGRAMAS DE INTERCAMBIO INTERNACIONAIS CURSO 2017-18

- Campus de Ourense

Ás 14:30 horas do 25 de abril no salón de Graos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

- Campus de Pontevedra:

Ás 14:00 horas do 27 de abril na aula 1 da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

- Campus de Vigo:

Ás 13:30 horas do 26 de abril no Salón de Actos da EU de Estudos Empresariais.

Ás 12:00 horas do 28 de abril  no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

*O estudantado, aínda que as charlas están distribuidas por campus ou por Facultades/Escolas, pode asistir ás charlas que máis lle interesen por día, hora ou lugar.


20/04/2017
Entrevista a Jorge Perianes

Continuamos a nosa sección de entrevistas falando con Jorge Perianes, artista plástico cuxo perfil estético transita entre o pictórico e o escultórico e cuxa intención conceptual se enfronta a preocupacións universais onde a morte, o tempo ou a natureza funcionan como ideas constantes. Poboado de referencias a elementos cotiáns, de imaxes estrañas que logran pór en xaque nosas propias crenzas, o seu traballo funciona máis aló do universo plástico, establecendo vínculos con diferentes campos do pensamento.

Actualmente está representado pola galería Max Estrella de Madrid e expuxo en diferentes institucións e espazos artísticos a nivel nacional e internacional. A súa obra forma parte de varias coleccións como a do CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela; MUSAC, Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León o la Colección olorVisual de Barcelona, entre outras.

                    

                     S.t., 2016. Cristal e resina de poliester coloreada. 

Cales eran as túas preocupacións, formais e conceptuais, cando estudabas Belas Artes e como consideras que maduraches como artista?

As miñas preocupacións básicas cando estaba na facultade eran formarme e lelo todo e, en realidade, non variaron moito estas premisas (amosa certo grao de inxenuidade, quizais) e tampouco podo considerarme maduro en case ningún aspecto. Talvez unha procura de mínimos, un intento de depuración e destilación de esencias poidan considerarse un avance. Doutra banda, o público estivo moi presente no meu pensamento nos meus inicios, agora tamén pero de forma diferente (con menos concesións, por exemplo).

As túas obras xogan a alterar a percepción do real, provocan sensacións enfrontadas para ofrecer novos puntos de vista sobre o que vemos ou concibimos como establecido. Que cuestións interésache explorar?

Interésame explorar ao ser partindo dos seus extremos, tratando de cercalo; o ser no seu máis amplo sentido, con todas as súas ambigüidades e complexidades. Considero que as miñas preguntas son as clásicas (a natureza, a morte, o tempo, etc.), seguramente as que calquera persoa se expón. En todo caso, espero que calquera tipo de arte nos enfronte sempre a elas, sen subterfuxios e con profundidade.

Como se inicia o teu interese por investigar e construír estes diálogos perceptivos?

O meu interese por investigar iníciao unha curiosidade vital, propia; a construción é un esforzo de transmisión e un intento de diálogo co público, polo que se inicia a partir da demanda e a posibilidade que me foron dando para realizala e despregala en espazos expositivos. Considero que é san e medianamente obrigatorio o establecemento das canles adecuadas para que isto poida seguir fomentándose, establecendo así o diálogo vivo coas xeracións sucesivas; enriquécenos a todos.

A morte é unha das constantes que manexas no teu traballo, que á súa vez se relaciona coa natureza e o ser humano, desde que perspectivas abordas estes conceptos?

A morte sempre como o non ser, asociada desta forma á idea de tempo e construción, e todos os elementos que entran nestes conceptos (a súa representación e a maneira que teñen de entenderse ou encubrirse). É un tema amplo, convén formarse nel a nivel literario, sociolóxico, filosófico, neurolóxico, etc. e traducilo ao noso campo: o plástico. É un traballo a tempo completo, que evoluciona coa idade (ou debería facelo). Non se pode resumir en palabras, pero talvez si nunha imaxe ou unha serie (oxalá).

Empregas símbolos propios do día a día, combinando obxectos amables con elementos que transmiten a idea de demolición, de fraxilidade. Que lecturas ou sensacións esperas por parte do espectador?

Espero que se poida expor todo o que subxace baixo calquera tipo de construción, xa sexa natural ou humana, esa beleza xorda e fría, fráxil e dura, efémera e infinita; un eco que se repite, confunde e angustia pola súa insistencia e exaltación renovada (non é isto unha crítica).

Fuches modificando a túa obra, pasando dun perfil máis barroco e narrativo a fórmulas máis puídas. Como vas introducindo estes cambios e que supoñen na túa traxectoria artística?

Gustaríame que se fosen introducindo de maneira natural e coherente. En arte non debe haber unha intención consciente (entendida como un fin diferente á arte mesma) en cada unha das súas liñas de formulación ou traballo. Ante todo debe imperar unha curiosidade real seguida dunha investigación continua e unha formulación honesta para contigo mesmo e co público. A arte ten a maxia de ser algo vivo ao que lle é imposible mentir (no seu nivel máis esencial). O sarcasmo cheira, e cheira a podrecido, porque é sinal de morte próxima.

Ao principio o teu traballo transitaba entre o pictórico e o escultórico, de feito, iníciaste no mundo da arte como pintor. Actualmente parece que te inclinas máis cara á exploración da arquitectura e o volume. Segues atopando inspiración na pintura?

Por suposto, a pintura é a base, é misterio puro. Dela parte todo. É, ademais, a arte máis radical que existe no momento actual e iso é debido precisamente ao concepto tempo (entre outras moitas cousas): o que a pintura esixe é oposto ao que demanda o zeitgeist actual.


            

                 S.t., 2014. Reloxo analóxico, poliestireno expandido, resina de poliester e pintura acrílica.

Traballas moito a relación espacial, procurando que as obras se inscriban nunha atmosfera determinada. Que características contemplas á hora de expor as túas pezas?

O espazo manda, é prioritario, imposible obvialo. Con todo, non é o mesmo expor en bloque todo un proxecto que adaptarse a un complexo e con poucos medios. De todos os xeitos os retos gústanme, traballar coa cabeza é absorbente e fascinante, por iso sigo facendo arte.

Actualmente participas na exposición colectiva Dá árbore á cadeira. A madeira e a súas artes no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. Alí creaches a instalación Sen título. Fálanos deste proxecto e de como se xestou a peza.

Xestouse como todas as destas características, moi lentamente. Primeiro nun diálogo co curador para definir uns mínimos e tratar de axuntar e equilibrar propostas (sempre coa maior liberdade), ou sexa, un diálogo coa liña teórica da exposición. Despois, un diálogo co espazo que me foi asignado e logo un diálogo coa miña propia liña de discurso e coas ideas novas que o proxecto me suxire. Por último, tamén supuxo un diálogo cos montadores e mesmo cos gardas de seguridade, etc. (ao convivir varios días con eles). O diálogo final é o que se establece co público. É, pois, un proceso longo e depurado no que o máis importante é, como non, o logos.

Expuxeches en diferentes espazos nacionais e internacionais, as túas pezas vendéronse en ARCO e estás representado pola galería madrileña Max Estrella, que aspectos destacarías da túa traxectoria profesional e como atopas a escena artística actual?

A miña traxectoria analízoa (desde a miña perspectiva, claro) como lenta pero con pasos todo o medianamente sólidos que permite un contexto como o español. Da escena pódese dicir que ten o mérito de ser loitadora e insospeitadamente renovada en enerxías e ánimo, e iso que non é camiño fácil! Ás veces podo entender que moitos tirasen a toalla, non vivimos o mellor momento para o gremio... e a vida é curta (e as enerxías). Ademais, hai que pagar as facturas e tratar de levar unha vida adulta (economicamente falando), un imposible as máis das veces. Espero respostas políticas ao tema e un mundo máis honesto (por todas as partes).

Como artista dis que valoras os retos, continuar investigando sen asentarche nun estilo fixo. Tes algunha nova meta entre mans?

A miña meta é lelo todo (repito, pechando o círculo) e xa non por afán de coñecemento, talvez isto converteuse para min nunha tara, non o sei. En todo caso, só espero que poida traducirse nunha tara produtiva posto que se corre sempre o perigo de melancolía inoperante (lembremos a magnífica análise de Burton, por recomendar un texto).



18/04/2017
Convocatoria de Bolsas Santander Grao 2017-18.

Destinada a estudantes de Grao interesados/as en realizar un cuadrimestre de estudios en América Latina.


Bases e información


*No momento de realizar a estadía, os/as estudantes deberán ter superados 120 créditos.

Dotación da bolsa: 3.000 euros

Prazo límite de presentación de solicitudes: 28 de abril de 2017



18/04/2017
Bolsas Iberoamérica. Santander Investigación

Convocatoria dunha bolsa Santander Investigación destinada a estudantes de Terceiro Ciclo. O obxectivo é reforzar a mobilidade de xoves profesores e investigadores de doctorado entre universidades e centros de investigación iberoamericanos.


Destinatarios: profesores e investigadores de Terceiro Ciclo menores de 35 anos.
Dotación: 5000 euros

Prazo: ata o 5 de maio de 2017


Archivo de noticias